La impronta de Andrade en Cee y en el resto de la Costa da Morte

víctor manuel castiñeira

CEE

Muxía o Zas guardan testimonios de este maestro del Barroco

21 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Domingo Antonio de Andrade exerceu o seu labor profesional preferentemente na cidade de Santiago, pero iso non foi obstáculo para que deixara mostras do seu bo facer por diferentes puntos de Galicia e incluso na veciña Asturias. Sabemos que tamén realizou traballos na Costa da Morte, principalmente na súa vila natal de Cee, xa que para a súa igrexa realizou dous retablos, lamentable perdidos na queima da invasión francesa: o da capela maior e o da confraría de Ánimas. No caso deste último, e tendo en conta que foi realizado en 1695, pouco despois do que fixera, grazas á doazón do arcebispo Monroy, para o santuario da Barca de Muxía, é posible pensar que ambos retablos gardaran certas similitudes estilísticas e formais. De non ter sido cambiado de ubicación, o retablo de Andrade tivera corrido a mesma sorte que os de Cee, isto é, a destrución polo lume (guerra de independencia en 1809 no caso ceense e incendio por causas da natureza no 2013 no caso muxián). Aquelas persoas interesadas na súa obra poden achegarse ata a igrexa parroquial de Santa María de Muxía, onde se conserva parcialmente o retablo de Andrade, despois de que no ano 1717 os Condes de Maceda, patronos do santuario da Barca encargasen a reforma do templo muxián e un novo retablo para o mesmo ao artista Miguel de Romay. A este último precisamente lle adicou un poema o poeta Gonzalo López Abente como ben ten estudado o escritor e profesor Miro Villar. Despois da adicatoria ó escultor, nos últimos versos de Retabro da Barca, podemos ler:

Cantan os anxos arredor da Santa

que no seu camerín os abenzoa

e espertándose o eco tamén canta

e polas amplas bóvedas revoa.

O retabro de pé no Santuario

deixa o castaño e de remate vai

orquestando os misterios do Rosario

o grorioso escultor Miguel Romay.

Volvendo ó retablo ceense da confraría de San Sebastián y Ánimas del Purgatorio, grazas ó contrato de pintura que se firma no ano 1701, sabemos que combinaba as cores douradas co negro bruñido das columnas e a parra de oro limpio e tamén que albergaba as imaxes de san Xosé, mercada en Santiago por Andrade ó mesmo tempo que facía o retablo, o santo Cristo, santo Domingo, san Francisco mas la caja con ystoria de Ánimas…

No referente ó retablo principal da igrexa ceense foi este unha das súas primeiras obras fóra da catedral compostelá, datada entre 1666-67, e realizada no seu taller de Santiago. Tamén se sabe que o propio Andrade se desprazou a Cee xunto con algúns dos seus aprendices para proceder ó montaxe do mesmo, xa que nas contas da fábrica parroquial de Cee, no seu segundo libro, podemos ler: Mas se le resibe en descargo setenta y seis rreales del gasto que hiço con Domingo Lopez de Andrade y tres criados en los dias que ocuparon en poner el retablo nuevo que hiço y encaxarlo en la Capilla Mayor…

Andrade foi un artista multidisciplinar, que ademais do traballo da madeira e da pedra, tamén se atreveu co ferro e a orfebrería. Da súa obra en ferro quedou mostra en diferentes edificios de Santiago e tamén na reixa da capela da Concepción na catedral, na que o propio Andrade está enterrado. Do traballo con metais preciosos descubrimos que a lámpada maior da igrexa da Xunqueira de Cee foi realizada por el despois do ano 1703, se ben esta non se conserva na actualidade pola mesma razón xa mencionada anteriormente. Sabemos tamén que para a realización da mesma, Andrade empregou cen reais de prata doados por un tratante de encaixes falecido en Andalucía durante unha das súas viaxes.

Finalmente, e en relación coa Costa da Morte, mencionar que interveu na reparación da cabeceira gótica da igrexa de San Andrés de Zas, e, aínda que non se debe directamente a Andrade por terse realizado as obras moitos anos despois do seu falecemento, como ben ten explicado Modesto García Quintáns no seu libro sobre a historia do concello de Dumbría, é máis ca evidente a influencia da súa arquitectura e da súa Torre do Reloxo no campanario da igrexa de San Pedro de Buxantes.

Desde o seu nomeamento como Mestre Maior de obras da Catedral, Andrade asumirá non só a dirección das obras senón tamén a instrución e formación dos oficiais e aprendices que traballan nas mesmas. Os máis importantes entalladores e arquitectos do barroco galego do século XVIII formaranse con el, podendo salientar ó xa mencionado Miguel de Romay, a Simón Rodríguez (barroco de placas característico da fachada do convento santiagués de Santa Clara), Fernando de Casas (fachada do Obradoiro) ou Lucas Ferro Caaveiro (casa consistorial de Lugo), entre outros. O carácter polifacético e multidisciplinar de Andrade (entallador, arquitecto, orfebre, inventor, tratadista…) quedou reflectido na documentación da súa época baixo diferentes designacións, se ben podemos consideralo por riba de todo un mestre de escultura e arquitectura. Andrade é quen acaba co retablo clasicista de ríxida estrutura arquitectónica, ordes superpostas, frontóns e ático en alto. Os seus retablos, que serán longamente imitados, vanse caracterizar por unha estrutura unitaria, popularización da columna salomónica, predominio da parte central e da disposición arquitectónica sobre a escultórica, cunha ornamentación naturista moi característica. No eido da arquitectura, as súas obras son debedoras do clasicismo aprendido con Vega e Verdugo e Peña de Toro, ós que supera amplamente para anunciar a nova arquitectura que consolidarán os seus discípulos, especialmente os mencionados Simón Rodríguez e Fernando de Casas.

Tanto na arte do retablo como na da arquitectura, a figura de Domingo Antonio de Andrade é a dun innovador, renovando en Galicia as formas decorativas e de construción. Trala súa morte, Andrade non só nos deixou unha obra extraordinaria senón tamén a súa influencia tanto directa como indirecta en boa parte das obras galegas do último terzo do século XVII e primeira metade do século XVIII, incluso no mundo rural.

Estamos, seguramente, diante do xenio máis importante da arquitectura barroca. O uso do oco na Torre do Reloxo fai que esta sexa un exemplo único e excepcional en toda España no intre da súa realización. Para o historiador da arte Juan José Martín González, ela foi a incomparable orfebrería de pedra de Domingo de Andrade.

ANA GARCIA

Esta tarde, última conferencia en Cee

Concello de Cee, Deputación y Museo do Pobo Galego promovieron esta semana una serie de actos en memoria de Andrade. Entre ellos, tres conferencias iniciadas el viernes con Juan Creus (imagen). Hoy será la última, precisamente a cargo del técnico ceense Víctor Manuel Castiñeira: en la Casa da Cultura, a partir de las 21.00 horas.