Había tantos apagóns, que á subministradora chamábaselle «Empresa Fallas», en vez de Empresa Xallas
26 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.O técnico do Museo Fernando Blanco de Cee, Darío Areas Domínguez, sacou en La Voz de Galicia do día 29 de xaneiro un interesante artigo sobre a chegada da luz eléctrica ao Instituto Fernando Blanco de Cee. Isto fíxome recordar parte da miña xuventude cando, andando polo monte desde de Buxantes, baixaba polo cruceiro da Armada para asistir ás clases no instituto. Por alí preto existían uns paus altos de ferro espetados que, segundo me contaron, eran os antigos postes que traían a luz eléctrica do Muíño de Pou a Cee, e que o empresario Juan Cereijo Fernández, veciño de Cee e alcalde, creou a empresa Sociedad Eléctrica de Cereijo na paraxe coñecida como Muíño de Pou. Era unha finca amurallada propiedade dun empresario catalán de salazóns, onde existía un muíño de maquía na marxe esquerda do río de Buxantes e dentro do concello de Dumbría, que daba servizo aos veciños de Buxantes e tamén aos veciños de Brens a través dunha pontella (desaparecida). Esta sociedade tivo que resolver ao comezo algúns problemas de servidumes, como o caudal dun batán, e máis tarde construíu unha central na confluencia do rego de Xebedo co río de Buxantes.
Empezou a funcionar no ano 1905 e a enerxía era transportada por unha liña que subía polo rego de Xebedo e baixaba sobre uns postes de ferro a un transformador situado cerca do lateral SE do muro do Instituto Fernando Blanco. A partir de aquí saían varias liñas. Unha ía ao instituto e outra atravesaba a ría polo serradoiro do Trancho cara á Corcubión. A turbina, no verán, non daba enerxía suficiente e era auxiliada cun motor de gasolina. O Concello de Corcubión sufría continuos apagóns, polo que se decidiu anular o contrato en 1926. O empresario, enfadado, retiroulle tódalas lámpadas públicas e reclamoulle ao concello dúas anualidades. Finalmente o subministro contratouse á Empresa Xallas, que tamén tiña mal servizo. Os consumidores chamábanlle «A Empresa Fallas». Todo este trazado de liñas eléctricas podémolo comprobar polos traballos de campo que fixo o Instituto Xeográfico Nacional sobre o ano 1940 para o Mapa Topográfico Nacional (MTN) e publicados no ano 1945 nas Follas 92-93 (primeira edición).