O pasado día 8 de outubro celebramos o Día da Ciencia en Galicia, un día de festa, pero tamén un día de reflexión para avaliar o estado da ciencia e a tecnoloxía en Galicia. Na Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) estamos seriamente preocupados.
O sistema I+D+i en España e en Galicia é fortemente dependente do sector público, tanto polo que respecta ós actores -universidades, CSIC, centros tecnolóxicos…- como ós instrumentos financeiros, basicamente programas de investigación europeos, españois e galegos. Non quero insistir, por ser de sobra coñecido, no desfase orzamentario de España, e aínda máis de Galicia, con respecto ós estándares internacionais. Poder competir nun mundo tan globalizado resulta extraordinariamente complexo, e aínda máis contando con recursos que, no mellor dos casos, están por debaixo do 50 % da media dos países do noso entorno.
O panorama nas universidades e centros de investigación, responsables da I+D necesaria para xerar conceptos, procesos e produtos potencialmente transferibles e, sobre todo para a formación de capital humano de calidade, é moi preocupante.
A crise económica foi un verdadeiro drama para a ciencia e a tecnoloxía en España e en Galicia pola moi considerable redución de recursos económicos que, coma consecuencia, abrandou moi notablemente a actividade investigadora nas universidades, principalmente pola falta de perspectiva para os investigadores xoves. Os investigadores sénior non dispuxeron de suficientes recursos, procedementos e probablemente nin estímulos para atraer novos talentos á investigación, nun proceso que tras dez anos creou unha moi importante fenda e a paralización dun número moi significativo de laboratorios. Foi, en termos científicos, un efecto similar ó acontecido no ámbito económico, onde as clases medias sufriron unha perda moi notable de presenza. É certo que neste proceso houbo grupos de investigación que, por ter tomado unha estratexia diversificada e máis ambiciosa, foron quen de resistir a crise con moita maior facilidade.
A Administración galega puxo en marcha iniciativas de moito interese na procura da estruturación do sistema científico galego, con programas que pretenden reforzar os grupos de investigación, a integración en redes e a creación de agrupacións e centros de investigación especializados e de especial competencia científico-tecnolóxica. Sen dúbida é unha estratexia de éxito que proporciona orzamentos basais e elementos de organización dinamizadores como catalizadores da actividade investigadora. O obxectivo é ambicioso para crear un ecosistema de investigación galego competitivo aínda que, na nosa opinión, o esforzo orzamentario nestes programas resulta insuficiente, e, sobre todo, cumpriría dotalos dunha programación clara e estable, nun marco de desenvolvemento sostible no tempo.
Porén, ó noso parecer, a eiva máis relevante, o desaxuste máis importante a superar é a atracción de talento. A falta de recursos prolongada no tempo creou un baleiro moi forte na nómina de investigadores xoves, que tivo como consecuencia unha moi notable desaceleración da actividade investigadora. Nesta liña son do máximo interese os programas pos-doutorais, tanto da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria como do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades. Estes programas, moi competitivos, permiten o comezo dunha carreira investigadora que, con demasiada frecuencia, remata en centros de investigación ou empresas doutros países. Compre, con urxencia, dotarnos de programas que permitan a atracción de talento, galego ou non, e que contribúan á dinamización e reforzamento de grupos de investigación, e, por tanto, da creación de ciencia en Galicia. Os novos programas que se anuncian nesta liña son, dende logo, de moito interese pero cremos que non van resolver, a medio prazo, os problemas estruturais. A este fin, sería necesario o traballo conxunto das universidades e a Administración para definir un marco que permitira a incorporación estable de investigadores de nivel internacional. Unha acción potente, dinamizadora, que permitiría orientar decisivamente o futuro da ciencia e a tecnoloxía en Galicia. Un programa ambicioso que ofreza unha consolidación ó mellor talento captado.
Falando en termos máis científicos, poderíamos dicir que o vector resultante das medidas para o fomento da ciencia e a tecnoloxía en Galicia ten un punto de aplicación axeitado, que a súa dirección e sentido son correctos, pero que a intensidade aplicada é claramente insuficiente.
Cremos firmemente que un país que pretenda ter un futuro próspero non ten máis camiño que o de apostar pola ciencia, a tecnoloxía e a innovación. Lamentablemente, a sociedade galega no seu conxunto non percibe esta mensaxe con forza e claridade. Cre que a investigación é un tema «interesante» pero non «importante», decisivo para o seu futuro.
O noso soño, o soño da RAGC, é que a sociedade galega, no seu conxunto, incluíndo axentes políticos, sociais, económicos, académicos, toda a sociedade civil, subscriba un pacto pola ciencia e a tecnoloxía en Galicia, un pacto onde se exprese, claramente, unha aposta decidida pola investigación e a innovación, na seguridade que sería o mellor pasaporte para o futuro que nos merecemos.