O Armadiña Rock báixase do escenario para adentrarse nas viñetas da banda deseñada

Alfredo López Penide
López Penide POIO / LA VOZ

PONTEVEDRA

CEDIDA

«É o primeiro festival do mundo que o fai». di a organización

30 jul 2020 . Actualizado a las 10:24 h.

Se algo positivo se pode extraer da pandemia do coronavirus é que está incentivando o enxeño dos organizadores de toda clase de eventos culturais, un ámbito no que destacan os distintos festivais musicais que se organizan en verano en Pontevedra. O último, que non derradeiro, exemplo desta realidade ven da man do Armadiña Rock de Combarro. Conscientes de que «como este ano non poderemos gozar dos concertos na vila, dende a organización creamos o Armadiña Rock en Banda Deseñada», unha iniciativa dirixida aos seguidores desta cita estival para que poidan revivir a experiencia dos concertos na praza de Chousa.

Deste xeito, o de Combarro «convértese no primeiro festival do mundo que se adapta a banda deseñada» homenaxeando aos seus seareiros. Así, dende a organización lembraron que «moitos dos que vindes, acampades na Reiboa, achegádesvos camiñando até Combarro e gozades dende as sesións vermús até os concertos da noite. Pois si, imos contar unha historia, que podería ser a túa, a de milleiros dos que viñéstedes a Combarro nos últimos anos».

Con este obxectivo na mente, a organización fixouse no feito de que Pontevedra conta «cunha escola profesional de banda deseñada, O Garaxe Hermético, dirixida por Kiko da Silva» polo que, segundo recoñecen, foi «ben doado atopar quen plasmase a nosa idea nunhas viñetas».

Deste xeito, chegaron ata as figuras de Fernando LLor, «considerado o mellor guionista do Estado de banda deseñada no 2019» e Pablo Prado, que ven de publicar O derradeiro libro de Emma Olsen con Editorial Galaxia. «Esta banda deseñada é a primeira edición que facemos dende a Armadiña», polo que a organización fixo un chamamento para que os afeccionados merquen e leven «o voso festival para as vosas casas. Cremos que o ides gozar e ao mesmo tempo que lembredes as festas de verán de Combarro».

En todo caso, esta non é a única sorpresa que prometen. Así, e sempre adaptándose ás normativas sanitarias polo covid-19, limitáronse a indicar que «contaremos con mais sorpresas, nun novo formato con diferentes actividades que iremos anunciando».