María Angeles Romero, coñecida coma Gelis, volveu a súa vila natal, Ferreira do Valadouro, para contarlle aos alumnos do IES Alfoz-Valadouro como é o seu traballo como unha das meirandes expertas do país no sector alimentario no programa que La Voz realiza en colaboración coa Consellería de Educación. A catedrática en tecnoloxía dos alimentos da USC é unha firme defensora da alimentación saudable e «de proximidade, de kilómetro cero». Para ela mercar a un agricultor ou gandeiro veciño que comercializa directamente os seus produtos sen aditivos é sinónimo de saúde. De feito, está constatado que o consumo de ultraprocesados está relacionado con ata 30 patoloxías diferentes. Máis alá da docencia, é socia impulsora de Tastelab, unha empresa pioneira de análise sensorial que axuda a importantes multinacionais antes de lanzar novos productos. «Ademais das catas creamos un software, Sensesbit, que está a dispor dos clientes, co que poden ver rápidamente como están respondendo consumidores potenciais antes de dar o visto bo a calquera novidade que se queira empezar a producir», sinala Romero. «O 95 % das veces que mercamos de novo un alimento é únicamente polo seu sabor», precisa a lucense, que defende a importancia da labor de Tastelab: «Cada ano, a nivel mundial, 13.000 produtos desaparecen dos liñais dos establecementos porque deixan de ter demanda» Dende o 2016 Galicia conta coa única Cátedra do Pan e do Cereal do mundo, vinculada ao Campus de Lugo da USC. «Con ela queremos valorizar todo o proceso que xira arredor deste alimento tan noso, estudando dende as especies de cereal autóctono que inflúen no seu sabor ata o mantemento dun proceso de fermentación que fai único no mundo ao pan galego», conclúe o seu contacto con alumnado.