Álex López-Benito

Últimos artículos publicados

27 mar 2025

Victoria Otero, en «De 0 a 100»: «A titulación en matemáticas non é fácil porque aprendes a razoar de forma distinta»

A recentemente nomeada presidenta da Real Sociedad Matemática Española visitou o IES Rosalía de Castro, en Santiago, para falar da súa longa traxectoria, que inclúe unha estadía en Nova York coma investigadora de IBM, no programa de La Voz en colaboración coa Consellería de Educación. 
Otero, que foi decana da facultade de Matemáticas da USC entre 2009 e 2017, animou especialmente ás mozas a estudar titulacións científicas para rematar coa menor presenza de mulleres nas aulas neste tipo de graos. «Temos moitos referentes femininos, como é o meu caso, unha persoa normal que naceu nun pequeno pobo de Lugo e acadou altos niveis: con esforzo podemos chegar a onde queiramos chegar», explicou na biblioteca do centro compostelán. 
Especializada en sistemas dinámicos, aqueles capaces de predecir valores dunha determinada magnitude e obter así respostas a problemas ou necesidades do mundo real, a lucense leva publicados preto de 70 artigos publicados en revistas científicas. Ademais ten liderado case medio cento de proxectos de investigación dende o Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMaga).

IAGO GARCÍA / SENÉN ROUCO / ÁLEX LÓPEZ-BENITO / JORGE GARCÍA / XOÁN A. SOLER

13 mar 2025

Senén Barro, en «De 0 a 100»: «DeepSeek é un aviso a Europa para que deixe de estar un paso atrás na Intelixencia Artificial»

O director científico do CiTIUS e catedrático en IA visitou o IES Castro da Uz de As Pontes no programa de La Voz en colaboración coa Consellería de Educación. Valora positivamente a chegada de competencia chinesa a unha tecnoloxía clave no futuro: «cantos máis, mellor». 
Computación de altas prestacións, aprendizaxe automática a partir de datos ou interacción de dispositivos electrónicos son algúns dos campos do coñecemento que se abordan no Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) de Santiago de Compostela. Senén Barro, investigador especializado en IA, destaca o potencial que terá a intelixencia artificial no futuro, permitindo delegar nela algunhas funcións que hoxe parecen de ciencia ficción. «Non hai que terlle medo a súa presenza, que será cada vez maior. Leis e regulación axudarán a que a nosa convivencia con ela sexa axeitada». Unha carreira, á da Intelixencia Artificial, na que Galicia xoga entre os mellores e contará cos primeiros titulados no Grao desta materia o vindeiro ano. 
O catedrático pontés tamén valorou unha das cuestións de actualidade referidas á IA, a chegada do modelo chinés DeepSeek para sumarse a unha competencia na que a estadounidense ChatGPT destacaba case en solitario. «Os investigadores vivímolo con alegría porque supón afastar pantasmas de monopolio. Que con chips menos avanzados acade bos resultados é unha boa noticia porque permite democratizar aínda máis o seu emprego». Barro cre que tamén serve para que Europa, máis atrasada no seu desenvolvemento con respecto a outras rexións, se sume a este desenvolvemento, clave no futuro tecnolóxico: «é máis barato, require menos recursos e non fan falta modelos cada vez máis e máis grandes».

IAGO GARCÍA / JORGE GARCÍA / ÁLEX LÓPEZ-BENITO

27 feb 2025

Anuska Mosquera, experta en valorización de residuos: «Búscase a economía circular e que o lixo sexa unha materia prima»

A catedrática en enxeñaría química visitou o IES Concepción Arenal de Ferrol, onde explicou os proxectos que está realizando no Centro de Investigación en Tecnoloxías Ambientais da USC (CRETUS). En «De 0 a 100», o programa que La Voz realiza en colaboración coa Consellería de Educación, contou como se obteñen bioplásticos mediante procesos biolóxicos. 
«Empregamos bacterias, que son as que realmente procesan os residuos, para obter a materia prima que despois se convirte en bioplástico», sinalou a investigadora no coloquio mantido co alumnado. «Almacenan o alimento nunha parte das súas células, igual que os humanos facemos coa graxa, e delas despois obtemos o produto», detallou Mosquera sobre o mecanismo. A diferencia dos plásticos derivados de petróleo non existe un proceso químico na súa fabricación e tampouco as emisións contaminantes dun combustible fósil. A orixe destes bioplásticos provén de aceites vexetais e ademais de ser biobasados, tamén son biodegradables: «É un tipo de bioplástico novo chamado polihidroxialcanoato e o proxecto denomínase Pretenacc». 
Grazas a unha axuda da GAIN (Axencia Galega de Innovación) este proxecto deu o salto do laboratorio á industria, testándose con éxito nunha empresa de Mos, PMA Nutrigras. Anuska Mosquera tamén explicou no centro educativo a súa fonda experiencia no que ao tratamento de augas residuais se refire: «A tendencia agora xa non é só depurar a auga, senón valorizar os residuos sacándolle rendemento coa súa transformación en enerxía, por exemplo».

IAGO GARCÍA / ÁLEX LÓPEZ-BENITO

13 feb 2025
Os enxeñeiros de atlanTTic Íñigo Cuíñas e Francisco Javier González.

«En 15 anos non haberá maiores que non saiban empregar ferramentas dixitais, o futuro da tecnoloxía serán eles»

Os enxeñeiros Íñigo Cuíñas e Francisco Javier González visitaron «De 0 a 100», o programa de La Voz en colaboración coa Consellería de Educación, para presentar o asistente virtual Celia e o sistema de localización Digital4Rural, deseñados específicamente para persoas de idade avanzada no centro de investigación atlanTTic de Vigo. 
Só en Galicia, segundo o INE, hai máis de 700.000 persoas maiores de 65 anos e máis de 100.000 viven soas. Pensando nesa audiencia potencial, o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, impulsou o desenvolvemento de dous proxectos que hoxe son xa unha realidade. «Unha das maiores dificultades foi dar precisamente cos usuarios que empregarían as novas aplicacións. Empezamos por aí para que en termos de usabilidade non houbera problemas», sinala Francisco Javier González. González forma parte do equipo de investigadores que creou o asistente conversacional baseado en intelixencia artificial Celia. «A principal diferencia con Alexa ou Ok Google é que máis alá de cumprir ordes, é capaz de entender o que lle dicimos, facéndonos tamén preguntas e creando unha experiencia diferente para cada usuario». É precisamente isto o que permitiu que Celia, tendo en conta que sería usado preferentemente por xente maior, poida detectar mediante unha serie de tests mesmo problemas médicos ou neurodexenerativos. Esta dispoñible nas tendas de aplicacións de Android e iOS e na web celiatecuida.com. 
Pola súa banda, Íñigo Cuíñas, presentou Digital4Rural, un sistema de localización pensado para entornos rurais. «Mediante o emprego de localizadores pódese saber en todo momento onde están os usuarios, evitando que a xente maior se perda», sinala Cuíñas. O máis importante é que o sistema pode funcionar mesmo nos sitios onde non hai rede móbil e mesmo se a houbera, pero falla, as persoas maiores estarían localizadas. «Funciona con éxito xa en tres parroquias da provincia de Ourense e os maiores gañan independencia ao tempo que os seus familiares están más tranquilos», comenta o enxeñeiro sobre o feedback que están recibindo do proxecto. Os veciños destes núcleos poden ver nunha tablet ou nun móbil onde están os localizadores (se deciden que queren poñelos en funcionamento) creándose así ademais un sentimento de pertenza comunitario no que uns se preocupan polos outros.

IAGO GARCÍA / SENÉN ROUCO / ÁLEX LÓPEZ-BENITO / JORGE GARCÍA

06 feb 2025
Mónica Figueroa é responsable de bioenerxía de Energylab, centro tecnoloxíco radicado en Vigo.

Mónica Figueroa, de Energylab, en «De 0 a 100»: «O futuro enerxético pasa por consumir menos e consumir máis limpo»

Avanzar na  descarbonización, é dicir, consumir menos combustibles fósiles e evitar as súas emisións contaminantes, son as máximas polas que aposta o centro tecnolóxico Energylab, nado en 2008 e ubicado en Vigo. A súa responsable de bioenerxía, Mónica Figueroa, visitou o programa que La Voz produce en colaboración coa consellería de Educación, para explicarlle aos alumnos do IES Ramón Cabanillas de Cambados algúns dos proxectos que lidera. 
A cambadesa, que precisamente volveu ao centro no que ela mesma estudou, destacou a importancia de reutilizar materia orgánica e transformala en enerxía para reducir o impacto ambiental. Así, contou como grazas aos seus proxectos de investigación, varias granxas galegas, avícolas e porcinas, «valorizan os desfeitos» producindo biogás, algo que redunda non só en producción enerxética, senón tamén nun beneficio económico para as explotacións. 
Outro dos proxectos máis destacados dos últimos anos é a Unidade Mixta Gas Renovable posta en marcha na EDAR de Bens, en A Coruña. Neste caso, as augas residuais son tratadas para poder obter enerxía mediante un sistema de «purificación baseado en membranas». Grazas a el, conséguese «aproveitar un excedente de biogás que non se estaba empregando». De forma experimental estano usando autobuses urbanos, furgonetas da propia estación depuradora e, tamén, «podemos inxectar directamente o biometano á rede de gas natural», polo que xa se está empregando en moitos fogares. Con isto demóstrase que as súas propiedades son «iguais que as do combustible de orixe fósil». 
Figueroa concluíu que fomentar o emprego de combustibles de orixe renovable é o «futuro» da enerxía, nunha aposta por «consumir menos e consumir máis limpo».

IAGO GARCÍA / SENÉN ROUCO / ÁLEX LÓPEZ-BENITO / JORGE GARCÍA

23 ene 2025

La Voz en Fitur: Ferrol, plató de cine

Ha sido escenario de producciones como Rapa, Clanes o Néboa. Ferrol se muestra al mundo como el perfecto escenario por su entorno, pero también por su patrimonio y arquitectura modernista. Una ciudad con consolidadas fiestas que además apuesta por un turismo responsable

Gladys Vázquez / Álex López-Benito